surcando los momentos

Cando volva a miña aldea

Hoxe teño morriña

Cando volva á miña aldea
Ai, camiños da miña aldea,
carballos do meu lugar,
pedras vellas da casiña
que me viron medrar.
Ai, vento que vas polos campos,
néboa branca do amencer,
se pasas pola miña porta
dille que hei de volver.
Dille á fonte que non cale,
dille ao río que siga a andar,
que aínda gardo na memoria
o seu xeito de cantar.
Miña casiña de pedra,
cantos anos sen te ver,
e cantas noites soñando
con volverte percorrer.
Alí quedaron os pasos
dos que tanto quixen eu,
alí quedaron as voces
que o tempo nunca levou.
Baixo os vellos carballos
dorme parte do meu ser,
e cando o vento os sacode
paréceme oílos outra vez.
—Non chores, meniña nosa,
non nos veñas procurar;
estamos na mesma terra
que te viu un día chegar.—
Ai, Galicia, terra miña,
quen te pode esquecer?
Canto máis lonxe camiño,
máis preto te podo ver.
E se un día os meus ollos
cansan xa de tanto andar,
levádeme á miña aldea,
non quero outro lugar.
Que me acolla aquela terra,
que me garde o meu fogar,
e que os carballos murmuren:
—Xa volveu.
Deixádea descansar.—
ddd53