Nacín, coma ti, nun verán remoto,
cando o mundo aínda non sabía
que algunhas cousas, unha vez nacidas,
xa non saben como morrer do todo.
Sigo escribindo botellas
e deixándoas ir.
Non sei cantas chegan.
Non sei cantas se afunden
antes de atopar unha beira.
Pero sigo, porque aprendín
que hai un tipo de fe
que non precisa resposta
para seguir sendo fe.
Hai portas que non se abren cada ano.
Hai pedras que gardan o seu perdón
como quen garda un segredo que só entende
quen xa coñece o peso de cargalo.
Din que só nos anos sinalados
a Porta cede,
que o resto do tempo
é só pedra fiel á súa clausura,
agardando a súa data,
sen deixar nunca, no fondo,
de ser Porta.
Este ano a Porta estará aberta.
Non todos os anos o está.
Este ano, se alguén se atreve a cruzala,
atopará que o Perdón
non estaba condicionado a merecelo,
só a atreverse a entrar.
Eu estarei alí,
do lado da luz,
non porque saiba que virás,
senón porque escollín
non ser tamén
unha casa ás escuras.
Coñecín un ser de mar,
nado para nadar océanos enteiros,
que aprendeu, porén, a sobrevivir
meténdose dentro de si mesmo
cada vez que o ceo se poñía escuro.
Non o culpo.
Tamén eu tiven, algunha vez,
a miña propia forma de desaparecer.
Regaleille, unha vez, unha pequena carapacha
cun corazón pintado enriba,
para que soubese —se é que se pode saber algo así—
que non fai falta saír enteiro
para seguir sendo amado.
Se algunha vez saes do teu mar interior,
saberás onde atoparme:
onde sempre,
onde aínda,
fiel ao que naceu aquel verán
que ningún dos dous escolleu,
pero que ningún dos dous
soubo —nin quixo—
deixar morrer do todo.
Houbo outros, antes ca el,
os Invisíbeis,
que se encerraron durante corenta anos
en casas que xa non eran refuxio
senón a forma máis longa dun medo.
E cando por fin saíron,
non choraban pola liberdade recuperada:
choraban por todo o tempo
que o medo lles roubara
sen lles pedir permiso.
Eu tamén chorei por eles.
Sospeito que alguén máis chorou tamén,
sen saber moi ben
se choraba por eles ou por si mesmo,
encerrado na súa carapacha.